Saltar ao contido

Metabolismo das purinas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O metabolismo das purinas comprende as súas vías de síntese e degradación. As purinas máis importantes son as bases nitroxenadas adenina e a guanina dos ácidos nucleicos. Os trastornos xenéticos destas vías poden orixinar doenzas con síntomas como a gota, anemia e outros. Moitos organismos teñen vías metabólicas para sintetizar e degradar purinas.

Biosíntese

[editar | editar a fonte]
Síntese de IMP.
O esquema de cores é o seguinte: encimas , coencimas , nomes dos substratos, ións metálicos, moléculas inorgánicas

As purinas son sintetizadas bioloxicamente como nucleótidos e en concreto como ribótidos, é dicir, bases unidas á ribosa 5-fosfato. Un paso regulador fundamental é a produciión de 5-fosfo-α-D-ribosil 1-pirofosfato (PRPP) pola PRPP sintetase, a cal é activada polo fosfato inorgánico e inactivada polos ribonucleótidos purínicos. O PRPP utilízase tamén na síntese de pirimidinas e nas vías de salvamento ou reciclaxe. O primeiro paso obrigado é a reacción do PRPP, glutamina e auga para formar 5'-fosforribosilamina, glutamato, e pirofosfato, reacción catalizada pola pirofosfato amidotransferase, a cal é activada polo PRPP e inhibida polo AMP, GMP e IMP.

Tanto a adenina coma a guanina derivan do nucleótido inosina monofosfato (IMP), o cal é o primeiro composto da ruta que ten completamente formado o anel de purina.

A inosina monofosfato sintetízase a partir dunha ribosa-fosfato por unha complexa ruta, que se mostra na imaxe. A fonte de átomos de carbono e nitróxeno do anel de purina, concretamente dos que están nas posicións 5 e 4 respectivamente, pode ser diversa. O aminoácido glicina contribúe con todos os seus átomos de carbono (2) e nitróxeno (1), e outros nitróxenos adicionais veñen da glutamina (2) e ácido aspártico (1), e outros carbonos proceden de grupos formilo (2), que se transfiren desde o coencima tetrahidrofolato como 10-formiltetrahidrofolato, e, finalmente, un átomo de carbono procede do bicarbonato (1). Os grupos formilo fornecen os carbonos 2 e 8 do anel de purina, que son os que actúan como pontes entre os dous átomos de nitróxeno.

A partir da IMP xa se pode formar AMP e GMP, no cal interveñen os seguintes encimas:

Degradación

[editar | editar a fonte]

As purinas son metabolizadas orixinando ácido úrico pola acción de diversos encimas, que son:

Vía de salvamento

[editar | editar a fonte]

As purinas resultantes da degradación dos ácidos nucleicos na célula (ou procedentes dos alimentos) poden ser recicladas (salvadas) para volver ser utilizadas na síntese de novos nucleótidos.

Trastornos

[editar | editar a fonte]

Cando un xene defectuoso causa fallos no proceso de reciclaxe metabólica das purinas e pirimidinas, estes compostos non poden ser metabolizados axeitadamente, e os adultos e nenos poden sufrir algúns dos 28 trastornos hereditarios relacionados (posiblemente hai máis aínda descoñecidos). Os síntomas destes trastornos xenéticos poden incluír gota, anemia, epilepsia, retardo no crecemento, xordeira, auto-mordedelas compulsivas, insuficiencia renal ou cálculos renais, ou perda de inmunidade.[Cómpre referencia]

Farmacoterapia

[editar | editar a fonte]

A modulación do metabolismo das purinas ten un valor farmacoterapéutico.

Os inhibidores da síntese das purinas inhiben a proliferación de células, especialmente leucocitos. Entre estes inhibidores están a azatioprina, un inmunosupresor utilizado no transplante de órganos, enfermidades autoimmunes como a artrite reumatoide ou enfermidades intestinais inflamatorias como a enfermidade de Crohn e a colite ulcerosa.

O micofenolato mofetil é unha droga inmunosupresora utilizada para impedir o rexeitamento de órganos trasplantados, que inhibe a síntese de purinas ao bloquear a inositol monofosfato deshidroxenase. Tamén o metotrexato inhibe indirectamente a síntese de purinas ao bloquear o metabolismo do ácido fólico, e é un inhibidor da dihidrofolato redutase.

O alopurinol é unha droga que inhibe o encima xantina oxidorredutase e, deste xeito, diminúe o nivel de ácido úrico no corpo. Isto pode ser útil no tratamento da gota, que é unha doenza causada por un exceso de ácido úrico, que forma cristais nas articulacións e outras partes.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]